Unha decena de profesionais expertos en violencia machista participan nunha xornada da Rede Galega pola Igualdade

Profesionais da psicoloxía, da xustiza, da policía, da medicina e do movemento asociativo participarán o vindeiro sábado na xornada Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar organizada pola Rede Galega pola Igualdade (REGAI) na Casa Rosada de Poio.

A programación deseñada pola asociación aposta por conxugar experiencias e opinións de persoas expertas en combater a violencia machista. A xornada, que conta con achegas da Deputación de Pontevedra, do Concello de Poio e da Sociedade Galega de Sexoloxía, organizouse partindo duna filosofía aberta: o debate da primeira mesa abordará factores psicolóxicos, sociais e sanitarios relacionados co maltrato; a segunda fará fincapé en cuestións de índole policial e xurídica.

A actividade, que se prolongará de 9.45 a 14 horas (aproximadamente) está aberta a todas as persoas que queiran asisitir. Poden tramitar a inscrición a través da páxina web redegalegapolaigualdade.com.

Damos a benvida á web da REGAI!

Estás na web da Rede Galega pola Igualdade (REGAI). Aproveitamos o proxecto Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de camiños de futuro para iniciar a nosa camiñata na web 2.0, cun espacio dende o que pretendemos informar das actividades e novidades do noso colectivo.

A REGAI é unha asociación creada para loitar polos dereitos das mulleres, polo seu empoderamento. É o noso obxectivo acadar a súa participación activa na política, cultura e sociedade, apostando pola transversalidade de xénero en todos os eidos.

Interésanos promover a plena efectividade da igualdade de oportunidade entre mulleres e homes e erradicar todo tipo de discriminacións; fomentar a investigación e o estudo da realidade desde a perspectiva de xénero; divulgar o respecto, desenvolvemento e efectividade dos dereitos humanos de mulleres de todo o mundo; fomentar a formación en perspectiva de xénero en todos os ámbitos; loitar decididamente contra as violencias machistas; e sensibilizar sobre a realidade dá diversidade sexual e as identidades máis aló do esquema monosexual da cultura de xénero.

Agardamos que gocedes das nosas iniciativas e que nos acompañedes nas redes sociais.

Vémonos pronto!