Cuntis, 14 de outubro de 2017.- A comunicación é unha ferramenta cun peso específico na loita polo empoderamento da muller. Por iso a Rede Galega pola Igualdade incorporou o curso Claves para a comunicación oral desde unha perspectiva de xénero nas actividades do proxecto Fotografía da realidade e deseño de camiños de futuro, un programa que conta co apoio da Deputación, da Sociedade Galega de Sexoloxía e dos concellos de Poio, Redondela e Cuntis.
A Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis alberga esta fin de semana esta actividade formativa, impartida pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro. Unhas quince mulleres participan neste curso, que esta mañá abordou técnicas para superar o medo, fundamentos de comunicación non verbal e recursos para construír un discurso. O obradoiro é eminentemente práctico e continuará pola tarde, en horario de 17 a 21 horas.
O curso rematará mañá, día no que se desenvolverá a última xornada formativa. O proxecto Fotografía da realidade e deseño de camiños de futuro regresará o día 28 cunha xornada de coaching en Redondela.