Mellorar a coordinación para chegar ás “mulleres silenciadas”, clave do combate contra as violencias machistas

Profesionais do mundo da saúde, da psicología e de agrupacións especializadas en atención ás vítimas das violencias machistas abriron esta mañá a xornada Intervención contra as violencias machistas: un enfoque multidisciplinar, organizada pola Rede Galega de Igualdade no marco do proxecto Fotografía da realidade e deseño de camiños de futuro.

Asistentes á xornada multidisciplinar sobre violencia machista. Ao fondo, vista da primeira das mesas de debate.

As intervencións puxeron sobre a mesa a escasa percepción que as vítimas das violencias machistas teñen sobre a existencia de mecanismos de axuda que están a súa disposición. Chegar ás “mulleres silenciadas”, en palabras da médica Rosana Izquierdo, debe ser por tanto un obxectivo ineludible para administracións, colectivos e profesionais especializados na materia.

A erradicación de condutas violentas pasa tamén por un labor preventivo cos homes, un traballo que realiza o programa Abramos o Círculo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que ofrece atención especializada a varóns interesados en aprender a resolver conflitos pola vía do diálogo. “A seguridade das mulleres mellórase tamén traballando cos homes”, apuntou o psicólogo Rubén Villar.

A representante da Coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos tratos de Vigo, Raquel Doval, apostou por ofrecer axuda dende unha perspectiva feminista e reclamou unha mellora da coordinación para que a asistencia chegue de forma efectiva ás mulleres.

Ámbito policial e xurídico

Unha avogada, un axente da Policía Local de Pontevedra e unha maxistrada  abordaron na segunda mesa o proceder político e xudicial ante as violencias machistas. Nas súas intervencións quedou patente que “algo está fallando”  (así o afirmou no seu relato o inspector principal da Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal), no que aportou información sobre o sistema de traballo do Grupo de protección local para vítimas de violencia de xénero.

Pouco antes as asistentes atenderan á intervención de Ana Barreiro, avogada do Centro de Información á Muller do Grove e vogal da REGAI. A profesional manifestou que a deconstrución desta “lacra social” precisa de esforzos comúns, de toda a sociedade. “Non só a financiación dos distintos centros e servizos que se adican a combater a violencia de xénero, senón tamén a información e a financiación dos distintos concellos a través dos CIM”.

Antes da clausura da xornada, a cargo da deputada provincial de Cohesión social, Digna Rivas, e da presidenta da Rede Galega pola Igualdade, Carmen Cajide Hervés, a maxistrada Paz Filgueira, especializada en violencia machista, demandou de xeito construtivo un compromiso máis firme do Estado para loitar contra a violencia contra as mulleres. Apostou pola especialización xudicial, da policía e da fiscalía como un recurso imprescindible para dar a cobertura necesaria ao terrorismo machista.

Os datos da maxistrada son contundentes: na actualidade, a vía xudicial só recibe un 20 ou 30 por cento  do total dos casos de maltrato que existen.   

A segunda mesa repasou o tratamento das violencias machistas por parte da xustiza e da policía.

Ante as asistentes da xornada, a maxistrada lembrou que a maioría dos casos se axustan ás fases dos ciclos da violencia establecidos pola investigadora Leonor Walker: tras unha primeira etapa de tensión chega unha “explosión” ligada ao maltrato cara a muller. O último ciclo é o de arrepentimento.

Son unhas corenta as persoas que participan na xornada multidisciplinar organizada pola REGAI na Casa Rosada de Poio. O proxecto continuará os días 13, 14 e 15 cun curso de comunicación oral con perspectiva de xénero que terá lugar na casa da cultura Roberto Blanco Torres, en Cuntis.

Unha decena de profesionais expertos en violencia machista participan nunha xornada da Rede Galega pola Igualdade

Profesionais da psicoloxía, da xustiza, da policía, da medicina e do movemento asociativo participarán o vindeiro sábado na xornada Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar organizada pola Rede Galega pola Igualdade (REGAI) na Casa Rosada de Poio.

A programación deseñada pola asociación aposta por conxugar experiencias e opinións de persoas expertas en combater a violencia machista. A xornada, que conta con achegas da Deputación de Pontevedra, do Concello de Poio e da Sociedade Galega de Sexoloxía, organizouse partindo duna filosofía aberta: o debate da primeira mesa abordará factores psicolóxicos, sociais e sanitarios relacionados co maltrato; a segunda fará fincapé en cuestións de índole policial e xurídica.

A actividade, que se prolongará de 9.45 a 14 horas (aproximadamente) está aberta a todas as persoas que queiran asisitir. Poden tramitar a inscrición a través da páxina web redegalegapolaigualdade.com.