Profesionais da psicoloxía, da xustiza, da policía, da medicina e do movemento asociativo participarán o vindeiro sábado na xornada Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar organizada pola Rede Galega pola Igualdade (REGAI) na Casa Rosada de Poio.
A programación deseñada pola asociación aposta por conxugar experiencias e opinións de persoas expertas en combater a violencia machista. A xornada, que conta con achegas da Deputación de Pontevedra, do Concello de Poio e da Sociedade Galega de Sexoloxía, organizouse partindo duna filosofía aberta: o debate da primeira mesa abordará factores psicolóxicos, sociais e sanitarios relacionados co maltrato; a segunda fará fincapé en cuestións de índole policial e xurídica.
A actividade, que se prolongará de 9.45 a 14 horas (aproximadamente) está aberta a todas as persoas que queiran asisitir. Poden tramitar a inscrición a través da páxina web redegalegapolaigualdade.com.